As orixes do Centro Galego de Barcelona remóntanse a 1892, pero no es hasta el 1923 que un grupo de emigrantes galegos deciden darlle forma legal á entidade.  Xunto a León Rodríguez, presidente, e Ameixeiras Sotelo, secretario, foron tamén socios fundadores Manuel Carballo, Silvestre Mosquera e outros.

Do Carrer Ataülf, onde tivo a súa primeira sede, o CGB pasou de contado a un novo local na Baixada de Cervantes e, logo, conforme foi medrando -moi á présa-, trasladouse, primeiro á Rambla (instalándose nos altos do coñecido establecemento «La Buena Sombra»)  e, posteriormente, ao número 8 do Carrer de Clarís.

A razón de tales traslados radica no feito de que dende o principio se buscou o financiamento e a actividade da institución centrouse no xogo -por influencia dun dos promotores , o señor Buxó, dono do establecemento «Eden Concert» e moi interesado na faceta comercial desta fórmula recreativa-.  O progresivo éxito que acadou foi obrigando a sucesivas ampliacións. A última das devanditas sedes era, ao parecer, tanto polo luxo do mobiliario e instalacións como pola variedade e modernidade dos servicios a dispor dos socios, un casino da máxima categoría.

Mais, nun momento determinado, o xogo é terminantemente prohibido, e todo se vén abaixo. A principal liña de actividade no CGB e a súa única fonte de ingresos desaparecen, e a conseguinte creba económica ameaza mesmo a existencia da entidade. Despois dun chamamento xeral á solidariedade, e debidamente informados os socios, créase unha xestora co único obxectivo de atopar saída á situación, e finalmente o presidente, Enrique Veira Varela, acada o diñeiro preciso para liquidar a débeda acumulada.

Pasa entón o CGB a un local alugado na entrada da Plaça Reial, e comeza así unha nova xeira, na cal sería a política o eixe da actuación social, e tamén a causa primordial da súa seguinte e profundísima crise.

Aconteceu que foi nomeado presidente José Juncal Verdella, avogado e director da Escuela de Magisterio, e emparentado con Alejandro Lerroux, fundador e presidente do Partido Republicano Radical. E inmediatamente a entidade meteuse de cheo na política radical, ata o punto de acabar actuando en certo sentido como un apéndice daquel partido. A dimisión obrigada do director da revista do CGB, Galicia en Cataluña, Lois Suárez, por causa da súa negativa a publicar un polémico artigo do señor Juncal, sacou á luz a crise xa latente. O crecente descontento de bo número de socios coa liña de actividade política adoptada non conseguiu que esta fora corrixida e esgotadas todas as posibilidades de acadar o desexado cambio mediante un acordo maioritario nunha tempestuosa asemblea xeral xurdiu a escisión. Suárez, seguido por máis da metade dos asistentes á asemblea, abandonou o CGB e axiña este grupo fundaba o Centro Cultural Gallego.

A guerra civil acabou con ambas as dúasentidades, o CGB e mais o CCG, que ata ese momento mantiveron unha total separación e realizaron actividades de carácter moi diferente.

Xa finalizada a contenda, un feixe de galegos inquedos, entre eles Augusto Casas, Fernando Neira, Santiago Guisán e outros, crearon a sociedade denominada Casa de Galicia. Con formulacións ben distintas ás da época anterior, esta entidade comezou a traballar nunha liña de integración e reagrupamento e así chegou o día en que, xa reunidas varias peñas, e incrementado o número de socios particulares, unha nova Xunta (que se gañou o título de Xunta Exemplar, e todos os seus integrantes foron nomeados socios de mérito) tomou o acordo de trocar o nome de Casa de Galicia polo clásico de Centro Gallego de Barcelona.

Malia as penurias e as dificultades daqueles tempos de posguerra, os esforzados promotores da nova empresa (Neira Martínez, Guisán Pardo, Casas, Eyré Fernández, Suárez, Villarino, etc.), verdadeiros pioneiros e artífices do actual CGB, levaron a cabo un labor espléndido, un labor ben orientado e de enorme efectividade. Tiñan as cousas claras e sabían ben que a actividade da asociación non podía reducirse en exclusiva ao xogo, á política ou á simple diversión, como fora o caso en xeiras anteriores, senón que, para cumprir a súa auténtica misión, o CGB debía traballar, con espírito fraternal e solidario e a mirada sempre posta en Galicia, nun terreo estritamente cultural e social.

De xeito que no 1948, coa súa sede social no edificio das Ramblas onde hoxe segue ubicado, naceu mediante a fusión de distintos grupos e peñas (a Casa de Galicia e a Sociedad Artística como máis importantes) o renovado Centro Gallego de Barcelona, con Santiago Guisán Pardo como presidente e ocupando a vicepresidencia primeira Fernando Neira (quen, como presidente accidental, asinou os Estatutos, redactados polo secretario, Ánxel López Cid, e por el mesmo). A seguir fíxose cargo da presidencia Francisco Eyré Fernández; o seu mandato coincidiría coa masiva chegada á Cidade Condal de novos emigrantes galegos, que acrecentaron notablemente o número de socios e actividades.

Feitos destacables desta primeira andaina da nova entidade, que ante todo hai que cualificar como de consolidación, foron entre outros os Juegos Florales Gallegos celebrados en maio de 1950 no Teatro Poliorama, coa participación de preeminentes figuras da nosa cultura, e a aparición do primeiro némro da revista Alborada.

Ao señor Eyré sucedeuno en 1954 á fronte do CGB Manuel Casado Nieto, ilustre home das letras galegas que soubo cominar e atender perfectamente as súas obrigas como fiscal da Audiencia de Barcelona, os seus traballos literarios e a presidencia da entidade ao longo de dezasete anos, nun delongado mandato que deixou pegada polo seu bo facer e a súa rigorosa impronta cultural; cómpre salientar que foi neste período cando o CGB non só se afianzou plenamente senón que acadou as súas máis altas cotas de vitalidade e prestixio. Porque hai que dicir que aos primeiros prohomes desta segunda xeira da institución de contado se sumaron, xunto a Casado Nieto outros entusiastas paisanos coma Federico Gobartt, Francisco Dapena, Basilio Losada Castro, etc., que, dedicándose a fondo ao engrandecemento do CGB, fixeron posible que este acadara unha categoría digna da representación de Galicia e dos galegos nesta cidade residentes.

Durante o mandato de Casado Nieto, levouse a cabo un extraordinario labor na biblioteca da entidade, ampliándose cuantitativa e cualitativamente o seu fondo ata uns niveis equiparables aos das máis importantes bibliotecas de temática galega existente no mundo. A ese meritísimo traballo de enriquecemento contribuíu en gran medida o profesor Losada Castro, grande colaborador e animador da vida cultural do CGB tanto naqueles anos como na actualidade.

Coa sociedade en pleno auxe, prestixiada e prestixiosa, forte en todos os aspectos, tomou xa ao principio da década dos setenta o relevo na presidencia Francisco Dapena Alfonsín, quen, na súa condición de home técnico e de empresa intentou dotar ao CGB dunha máis axeitada e moderna sede social. Foi este un interesante e ambicioso proxecto que, desgraciadamente non puido chegar a materializarse. De calquera xeito, caracterizáronse os cinco anos de mandato de Dapena Alfonsín polos múltiples alicientes ofrecidos á xuventude en diversos eidos. Celebráronse festexos populares a nivel cidadán, coa presenza de cadros folclóricos e masas corais vidas de Galicia. E promocionouse a nosa gastronomía e a nosa máis propia cultura popular.

Durante o período de presidencia do señor Dapena renaceu, con outro formato e outro contido, a devandita revista Alborada, baixo a supervisión do eficiente vicepresidente José Luis Vázquez Sotelo, quen posteriormente substituiría a Dapena Alfonsín á fronte do CGB.

Cadrou a presidencia de Vázquez Sotelo coa coñecida época de cambios transcendentais no sistema sociopolítico español, e a vida da entidade non deixou de verse fortemente afectada pola inquedanzas e acontecementos daqueles días. Os socios máis ca nunca intentaron que o seu goberno fose plural, os medios de comunicación fixéronse eco do sentir dos socios e chegaron os conflitos por non dicir as cousas ao gusto de todos.

O feito máis notable para a vida do CGB naqueles aqueloutrados anos foi o triste suceso do incendio provocado no outubro de 1978 por uns desaprensivos delincuentes e que destruíu varias dependencias pondo en peligro a mesma existencia da sociedade. Todo o que destruíu o lume era importante pero sobre todo, a biblioteca, que se viu directamente afectada, e que, polo extraordinario valor das súas obras, algunhas únicas, era -como xa dixemos- unha das máis completas no seu xénero.

Grazas ao enorme esforzo realizado polo señor Vázquez Sotelo na súa función de presidente, recadando axuda da propiedade do local para reconstruír os espazos queimados e recorrendo ás máis diversas institucións para lograr a súa colaboración na restauración do mobiliario e instalacións, foi posible pór a andar unha nova biblioteca e, tras as oportunas obras, levar a cabo a renovación total de todas as dependencias, que de este xeito ofrecen hoxe mellor aspecto que a etapa anterior.

Sucedeu na presidencia a Vázquez Sotelo, a comezos de 1979, Daniel Pérez Guerra, que aproveitou as últimas reformas efectuadas na sede social en busca dunha actuación xeral da vida e actividades do CGB [...]

En:  Olegario Sotelo Blanco. 88 gallegos. Una tierra a través de sus gentes, t. II. Barcelona: Sotelo Blanco, 1983, páxs. 45-48